domingo, 18 de abril de 2010

COMENTARIOS SOBRE AS WEBS

FRIKISPORTS:
Gustáronme varias cousas desta web: a pantalla de benvida que aparece mentres cargan os contidos, os top 10, o test... O fondo con tons marróns persoalmente é do meu agrado, pero non sei se será o máis adecuado para este tipo de páxina. Ademais, aínda que os contidos son enxeñosos e orixinais, penso que son un pouco inconexos e que, algúns deles, tal como están plantexados, teñen pouco que ver cos deportes. Os menús son moi funcionais, aínda que creo que o enlace ao foro debería estar máis á vista (por certo, moi boa idea crear un foro). Un 7'5.


BANG:
A estética desta web paréceme moi acertada, especialmente a tipografía. É fácil navegar por ela. Bonito detalle o das pistolas para acceder á foto anterior ou seguinte. Os contidos están moi ben, son moi realistas, a pesar de ser creados para a ocasión. O que si, quizais estaría ben que afondásedes un pouco máis na descrición dos personaxes, e que as fotos pasasen máis amodo. O mellor de todo, claramente, é o tráiler: espeluznante, e seguramente daría pé á realización dunha gran película. Un 9.


REVOLUCINE:
A introdución co nome da web é un detalle a ter en conta; non obstante, tal como está plantexado, está un pouco de máis. Na miña opinión, sería totalmente útil se tivese algo de movemento e un botón no que facer click para entrar na páxina. A banda verde do Index paréceme acertada, xa que dá un pouco de "vidilla". Os menús, en xeral, están ben. Os contidos, obviamente, están moi relacionados co cine; aínda así, son algo inconexos. Creo que se deberían centrar nun aspecto máis concreto do cine. Ademais, penso que deberían coidar máis o tipo de letra (utilizar o mesmo en todas as seccións). E como aspecto positivo, salientar os tests, moi "currados", e máis o apartado "Redes", que non ten que ver estritamente co cine, pero que lle dá un toque orixinal á páxina. Un 8.


MALDIA:
É unha web que cumpre perfectamente co seu cometido. Teñen o mesmo "problema" ca os de Revolucine no tema da introdución para acceder á páxina. A estética é moi sinxela, sobria, pero totalmente acorde co estilo do grupo. Poucas cousas negativas podo dicir, a verdade. Quizais algún apartado quedou sinxelo de máis (concretamente, o de "Enlaces") e ó mellor o tipo de letra tampouco é o máis adecuado. Tamén boto en falta un foro (aínda que o tema da interacción entre o grupo e os seus seguidores queda suplida cos enlaces a redes sociais). É moi fácil navegar pola páxina, e os contidos están ben organizados e son os xustos, nin máis nin menos. Moi ben. Un 9.


AS TRES EN PUNTO:
Un dos puntos fortes desta web é a organización dos contidos. Está perfectamente delimitado onde empeza e onde acaba a obra de cada unha destas artistas; polo tanto, é unha web totalmente funcional. Ademais, a estética paréceme moi boa para este tipo de páxina, e dálle unha certa personalidade ás artistas. Os menús están perfectos. Porén, dous aspectos negativos: un, non se ven algúns contidos; dous, boto en falta un elemento máis claro que poña en común estas tres traxectorias artísticas, aparentemente independentes (pode que esa función a cumpra o vídeo, pero é que tampouco se ve, unha pena). Aínda así, moi ben. Un 9.


NEOTERISTAD:
Penso que o botón para acceder á páxina debería ser máis grande, ou, polo menos, ter algunha indicación máis clara de que ese é o botón no que hai que premer para entrar. A web, no seu conxunto, ten un aire moi profesional, que é do que se trata (neste sentido, destacaría o tipo de letra escollido). Os contidos están ben organizados, aínda que si que boto en falta algún contido feito en realidade por vós mesmos, e quizais tamén unha descrición máis ampla dos membros desta empresa de publicidade. O mellor de todo paréceme o apartado "Campañas", cos vídeos na parte inferior da pantalla. Moi ben. Un 8'5.


AS DE CORAZÓNS:
A estética é bastante axeitada para esta web. O que si, a letra Times New Roman dos textos non me acaba de convencer. Os contidos están ben estruturados; son enxeñosos; non predomina o contido escrito, senón que hai bastante alternancia con contido multimedia; pero boto en falta quizais algunha entrevista máis, simplemente por encher un pouco o menú que aparece no apartado "Entrevistas". Os vídeos e as fotos "marca da casa" son un puntazo. Paréceme orixinal o xogo dos rompecorazóns, que nun principio non se esperaría deste tipo de páxina. O peor de todo, sen dúbida: algunha imaxe non se ve e algúns enlaces non funcionan (unha verdadeira pena!). A pesar disto, bastante ben. Un 8.


MADRESELVA:
Esta páxina ten moi poucos apartados no menú, pero é que realmente esta web non pide máis. A estética é totalmente acorde co tema, a navegabilidade non pode ser máis doada (bo detalle o do menú na parte superior e duplicado á esquerda), os contidos son os xustos (non sobra nin falta), o blog é curioso... Moi graciosa a mariquita. Detrás desta simpleza agóchase unha web sinxelamente perfecta. Noraboa, Isaac! Un 10.


CHITA FAN CLUB:
Desta web destacaría o logo e o emprego das cores. Polo tanto, moi ben en canto á estética. Non obstante, o tipo de letra paréceme clásico de máis para esta temática, e hai, dende o meu punto de vista, demasiado espazo baleiro. Os contidos multimedia (fotos e vídeos) quizais deberían ir estruturados doutro xeito precisamente para cubrir ese espazo. Detalle a ter en conta o marco amarelo das fotos e a cara de Chita en lugar das frechas. Os contidos son orixinais e divertidos e a navegabilidade é fácil. Un 8.


M.GESTEIRA:
A estética é acorde co tema tratado. Ten un estilo moi clásico, que nos remite ao carácter familiar da empresa. É doado navegar pola web. Como aspectos negativos: talvez está un pouquiño escasa de contido, o logo non me parece o máis axeitado e o mapa de "Rutas" tampouco me parece o mellor, xa que a actividade se reduce á provincia de Pontevedra. Aínda así, ten mérito facer toda a páxina en Flash. Moi ben. Un 8'5.


MEQUETREFES:
A introdución é demasiado simple para o meu gusto. De todos modos, o logo paréceme moi acertado, xa que lle dá moita identidade á web e á Asociación Mequetrefes. Persoalmente, non me acaba de convencer o emprego de distinta tipografía, aínda que hai que recoñecer que é moi orixinal e que contribúe a crear esa identidade. O emprego das cores paréceme bo, moi acorde co estilo que lle queredes dar ao grupo de teatro. Os contidos son idóneos, están ben organizados, aínda que o apartado "Novas" me resulta un pouco caótico (pero supoño que terá que ver co tema da identidade). A navegabilidade é doada e a web resulta moi funcional. A destacar tamén o detalle dos sinónimos da palabra "mequetrefe" para falar dos compoñentes do grupo. O que si, boto en falta algunha cousa máis, por exemplo, un anaco dalgunha representación que xa fixérades. Pero moi ben. Un 8'5.


SE TE VA LA OLLA:
Persoalmente, non me gusta este tipo de páxina. Pero hai que recoñecer que ten os contidos adecuados: horóscopo, tests de amor, historias anónimas... Polo tanto, ten un público moi concreto, o cal é importante. A estética quizais sexa demasiado simple, aínda que si que é certo que o rosa é unha cor moi identificativa deste tipo de páxinas. As imaxes para acceder aos distintos menús son boas. A tipografía dos textos (non a dos menús) paréceme clásica e, polo tanto, nada adecuada para unha web destas características. Fáltalle un pouco de "vidilla" a esta web, resulta pouco atractiva incluso para o público para a que vai dirixida. A navegabilidade, mirando para o menú, parece doada, pero iso... mirando para o menú, porque tedes un problemón cos enlaces... Voume abster de puntuar esta páxina ata que non se solucionen estes problemas (sería inxusto pola miña parte dar unha puntuación).


MASTERCAV'S:
A páxina ten unha estética que talvez non a faga a páxina máis atractiva do mundo, pero é interesante o xogo que facedes cos tons verdes. Tamén é orixinal o uso que facedes da baralla para designar os distintos menús; non obstante, boto en falta unha aclaración de qué vai cada apartado. Sen dúbida, hai que destacar a gran labor de recollida de información que realizastes. Penso que esa é a vosa mellor "baza" (falando en termos de naipes). Xa por non falar da campaña de promoción gratuíta que nos facedes a todos/as os/as CAV's, o cal é de agradecer. Polo tanto, os contidos, moitos e ben organizados. A navegabilidade é bastante doada, pero sería mellor que non se abrise unha nova ventá independente da do índice. Destacar tamén o carácter multimedia da páxina (mirastes ata debaixo das pedras para atopar vídeos). E xa por último, unha pequena pega: sería máis cómodo que non houbese scroll na parte inferior da pantalla. Pero moi ben. Un 8'5.


SMDb:
Sen dúbida, esta é a páxina coa estética máis orixinal. É un puntazo. E os contidos tampouco quedan atrás. Están perfectamente organizados e son froito dun importante labor de documentación. Non obstante, ten algo malo: en resolucións superiores a 1024, os textos e os vídeos vense nun tamaño demasiado pequeno, polo que sería mellor perder un pouco da orixinalidade propia de que se abra todo na mesma ventá, en favor de que se poida ler a información. Pero vamos, moi ben. Un 9.

---

DEPORTE NO ES SOLO FÚTBOL:
Uf... Que podo dicir sobre a miña web? A verdade é que ten uns cantos fallos, empezando polo deseño, que é pouco apropiado. Tamén podería falar dos menús, que deberían aparecer en todos os apartados (tanto o menú superior coma o inferior). Despois tamén tivemos fallos coa resolución, xa que traballamos para 1024 píxeles e descoidamos a estética para resolucións superiores. E máis cousas que mellor gardo para min porque, se non, non acabo.

Non obstante, creo que a nosa web ten varios puntos positivos que hai que ter en conta tamén:

1.- En primeiro lugar, o título da web e máis o tema, moi orixinal e pouco explotado. Ante todo, os integrantes do "Recuncho dos Lacazáns" buscamos un tema con esas características, e penso que acertamos. Ademais, polo que puiden comprobar, existen moi poucas webs coma a nosa, na que se recopilen datos sobre moitos deportes "raros" (mellor deixémolo en menos coñecidos). Polo tanto, a nosa páxina cubriría un nicho de mercado con pouca competencia se o comparamos con outros.

2.- En segundo lugar, debo falar do foro. A idea de crear un foro estivo na nosa cabeza dende o principio. Considerabamos fundamental a participación dos visitantes á nosa web. Dalgún xeito, a nosa intención sería crear unha pequena "familia", onde os amantes destes deportes se sentisen a gusto e compartisen os seus intereses con outras persoas. Tamén destacaría o feito de que non é necesario rexistrarse no foro para participar nel.

3.- Hai que ter en conta tamén a labor de documentación á que nos sometimos. Non puidemos falar de bastantes deportes que quedaron no tinteiro; non obstante, penso que finalmente recopilamos unha cantidade moi considerable de información.

4.- Ademais, fixemos unha serie de pasatempos, que penso que quedaron bastante ben, e cos que lle quixemos dar á páxina un grao de dinamismo, máis que nada para non centrarnos só na recopilación de datos.

5.- Coidamos moito o tema dos enlaces. Non queriamos que houbese erros nese aspecto. Así mesmo, intentamos que o menú facilitase a navegabilidade.

O caso é que creamos unha páxina web coas súas virtudes e tamén cos seus defectos. En todo caso, non me gustaría rematar sen facer referencia á actitude do grupo, cun afán constante por subsanar os erros na medida do posible e dentro das nosas capacidades e dos nosos coñecementos.

É imposible ser obxectivo ao 100% co traballo de un mesmo. Pero bueno, se hai que poñer nota... pois un 7.


BORJA NEIRA

1 comentario:

  1. BORJA, PARECEME MOI INTERESANTE O QUE DIS DE ENGADIR UN ANACO DUNHA RRPRESENTACION. AGORA QUE ANDAMOS MENOS PILLADOS DE TEMPO EE STREAMOS NOVA OBRA, SERIA IDEAL ENGADILO. TOMAMOS NOTA.
    POR OUTRO LADO, O TEMA DA TIPOGRAFIA, COR E DESEÑO DE TODA A WEB, TEN MOITO QUE VER CO QUE TI DENOMINAS IDENTIDADE, CLARO QUE SI. UN TANTO BARROCA PERO QUE PRETENDE SER RUPTURISTA AO MESMO TEMPO

    UN SAUDO

    PATRICIA COUCHEIRO

    ResponderEliminar